Que é?
‘O Persoal é Político’ é un proxecto de economía social para artellar redes e empoderamento como estratexia de incidencia social.
Que o nome deste proxecto coincida co lema feminista de 1970 é unha declaración de principios e do posicionamento ideolóxico de quen promovemos esta iniciativa. A nosa intención é contribuír á sociedade rede, a través da politización da vida cotiá e facendo visíbeis proxectos que acheguen perspectivas, enfoques e valores para outro modelo de sociedade.
‘O Persoal é Político’ promove alianzas, interconexións e sinerxías entre persoas e proxectos con dimensión política orientada á transformación social, potenciando relacións igualitarias no persoal e no profesional.
Esta iniciativa actual é o resultado dunha nova fase na evolución da rede distribuída de ciberfeministas impulsada desde SinGENEROdeDUDAS durante os anos 2007-2012, como proxecto piloto de empoderamento feminista na rede.
O que nos caracteriza:
- Somos unha comunidade de iguais; achegamos a nosa experiencia e seguimos aprendendo a través de conversacións e prácticas.
- Traballamos con persoas; xa sexa individualmente ou de maneira colectiva. Os proxectos nútrense da diversidade, do carácter, coñecemento e dedicación que realicen as persoas que os promoven ou forman parte do equipo.
- Gostamos do que facemos. Integramos a nosa dedicación profesional como unha actividade máis da nosa aposta cotiá por outro modelo de sociedade.
- Tecemos redes para o empoderamento, na vida presencial e na virtual. Facémolo a través dos nosos blogs, nos medios sociais en que participamos, nos obradoiros, nos foros, nas comunidades de coñecemento nas que participamos compartindo coñecementos, ideas e inquedanzas.
- Apostamos polo coñecemento aberto e o software libre e transmitimos a nosa paixón con quen colaboramos.